La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1977, Im Cheann, unha camboiana miúda e valente, foi obrigada polos soldados de Pol Pot a presenciar contra a súa vontade unha escena pavorosa. Colleron un veciño da aldea e moérono a paus ata deixalo practicamente desfeito; despois,  cando aínda estaba vivo, botárono ao lume. Esta muller, que agora vive en California, recorda aquel desgraciado berrando e retorcéndose no lume como un peixe vivo asándose por riba dunha grella. Foron as últimas imaxes que viu na súa vida. Agora está cega.

Tamén quedou cega Lar Poy, outra camboiana que tivo que presenciar a morte da súa propia filla, destrozada a patadas e a culatazos polos soldados sobre un campo de arroz. E o mesmo lle sucedeu a outras cento cincuenta mulleres daquel país, un asunto que ten completamente desconcertados aos médicos californianos.

Ningunha delas padece enfermidade orgánica que explique a cegueira. Tampouco se pode dicir que se trate dun caso individual ou colectivo de histerismo, como recoñecen os psiquiatras que as examinaron. O único certo é que todas estas mulleres perderon a vista despois de presenciar escenas como as que describimos. Non parece tan raro, non obstante. Sexan cales sexan as causas reais que poidan descubrir os médicos, o feito de que estas mulleres se neguen a ver parece bastante comprensible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de marzo de 1994.