La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das fábricas de armas máis famosa en todo o mundo, moi ligada miticamente ao cinema do Oeste americano, acaba de tomar a decisión de fabricar as súas pistolas e revólveres cun sistema de seguridade, dotado dun código secreto, para que só as poidan utilizar os seus propietarios. Non é difícil tomar a cousa a chirigota. Onte mesmo eu escoitei nun programa de radio algúns comentarios nese sentido: o ladrón que entra roubar nunha tenda, esquece o código e saca unha axenda para miralo; o suicida que non pode acabar coa súa vida porque antes o tempo ou a enfermidade acabaron coa súa memoria. E así ata centos de situacións cómicas.

Sen embargo, tamén é posible velo como un triunfo parcial, pero un avance, daqueles que levan anos pelexando contra a loucura que fai de América o país máis inseguro do mundo para os nenos, unha parte dos cales sucumben a esa especie de delirio que consiste en defender como unha liberdade esencial a posibilidade de mercar unha arma.

Non son tan xenerosas as leis cos fumadores, acosados ata o disparate, nin cos afeccionados a correr cos coches polas autoestradas, obrigados a circular a velocidades máis ben baixas, nin con outras persoas que teñen gustos bastante menos perigosos que gardar un rifle na casa. Todo o mundo sabe que a permisividade legal que hai con este asunto nos Estados Unidos ten que ver cun grupo de presión moi poderoso que preside un célebre actor de cine. Non direi o seu nome porque non quero que apareza nesta parte do periódico, que é un minúsculo territorio de paz, non vaia ser que se poña a disparar, como fai nas súas películas, e nos encha a páxina de sangue. No cine, xa non o vexo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de marzo de 2000.