La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1973, cando Bill Clinton acabou os seus estudos de Dereito na prestixiosa universidade de Yale, volveu á súa cidade natal, en Arkansas, para exercer como profesor de leis na facultade local. Segundo todos os indicios, non lle debeu de prestar moita atención ao seu traballo, pois cometeu moitos despistes, quizais porque naquelas datas estaba máis preocupado pola súa carreira política, que iniciou disputándolle un posto no Senado a un rival e veterano político republicano, John Paul Hammerschmidt.

Na universidade, o xove profesor Bill Clinton coñeceu a unha alumna, Susan Webber, moza brillante, estudosa e responsable, tamén simpática e orixinal, bastante desinhibida. A rapaza, despois de realizar un exame que consideraba que fixera moi ben, atopouse coa sorpresa desagradable de que o citado profesor o extraviara.

Para resolver o incidente, Clinton ofreceulle á estudante unha nota alta, equivalente a notable, pero ela reclamou repetir a proba, solicitude que lle foi concedida. O resultado foi óptimo. Logo, Susan apuntouse como voluntaria para axudar na campaña do rival. Agora, case vinte e cinco anos despois, aquela moza é a xuíz que vai presidir o xuízo contra o seu antigo profesor. Se o acusado di que é tan despistado que non recorda nada do que conta Paula Jones, a señora xuíz non terá moitos motivos para non crelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 1998.