La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler un artigo que, baixo o pretexto de falar dun libro escrito por un determinado señor, se parece máis a un tiro na nuca que propiamente a un estudo ou a unha análise do valor e o contido da obra comentada. Resulta evidente que ao articulista non lle importa en absoluto o feito sobre o cal asegura ofrecer unha opinión, pois para iso non é necesario utilizar unha arma homicida de semellante calibre, senón que o que pretende é fusilar publicamente o autor. Naturalmente, coa pretensión de ser considerado un pacifista.

Só os directamente interesados en practicar este tipo de perversións intelectuais deben crer a estas alturas en semellante quincalla verbal. Resulta tan evidente a índole da trampa, que un non acerta a entender que clase de inocencia lles permite a estes individuos acreditar na eficacia dun método tan pouco refinado.  A maldade, se non vai acompañada de intelixencia, non pasa de ser simple ruindade.

No capítulo insidioso do mal, a este xamais lle falta a grandeza das accións que poden ser inspiradas por Satanás, nunca a dimensión gangosa dos actos que medran ao amparo das miserias da psicoloxía, sempre tan podres. A ruindade, en cambio, é pequeniña, perrencheira, roñosa, evidente: crece con prudencia á calorciña doméstica dos braseiros familiares, onde os odios adquiren unha dimensión raquítica: o soño grandioso de acabar a tiros coa persoa que se quenta ao noso lado, remata nun belisco furtivo e traidor por baixo da mesa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de marzo de 1993.