La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No último número da revista Granta, esa alegría literaria que entra pola porta da casa cada dous meses, procedente de Londres, trae nesta ocasión un conxunto de artigos e reportaxes sobre aquela cidade. Nun deles, escrito por unha escritora nova que se chama Lucrecia Stewart, cóntase unha experiencia que lle sucedeu a ela mesma hai un par de anos, cando se estaba duchando pola mañá e escoitou fóra, no patio, uns berros terribles de angustia. Saíu a medio vestir, apenas cuberta por unha toalla, e atopouse con que unha rapaza que lle axudaba nas tarefas do xardín estaba sendo apuñalada por un xigante de trinta anos, veciño do barrio.

Sen pensalo, colleu unha pedra e bateulle na cabeza ao criminal, que se revolveu e lle meteu varias puñaladas en distintas partes do corpo. Unicamente a chegada dun policía que pasaba pola zona evitou que a cousa rematase nunha traxedia aínda maior. Había tempo que as dúas mulleres agredidas agardaban algo así: o agresor, un pobre toliño, tiña delirios persecutorios e estaba namorado dunha delas.

O peor, non obstante, non foron as trinta e tantas puñaladas que recibiron entre ambas as dúas, senón a reacción dunha parte dos veciños, que nun número non pequeno subscribiron unha carta dirixida ao tribunal na que saían en defensa do violento, aducindo que se trataba dunha persoa pacífica, que nunca lle fixera mal a ninguén. Algúns incluso foron ver as agredidas para acusalas de arruinarlle a vida a un pobre infeliz, sentenciado, por culpa delas, a permanecer recluído nun sanatorio. Non é unha reacción infrecuente no noso tempo, máis propicio á piedade que á xustiza, cousa que non está mal. Sempre que a piedade non exclúa as vítimas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de marzo de 1999.