La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, alguén chegou á tertulia de Vicente Risco en Ourense, cando se reunía no Café Parque, cun exemplar de La rana viajera, de Julio Camba, na man. O periodista e pintor Luís Trabazo  colleu o libro, ergueuno no aire como se fose unha carta da baralla e díxolle ao propietario igual que se lle falase do tempo: “Está muy bien, pero no hay rana, ya sabes”. Tiña razón porque, a non ser no limiar, no resto do libro non aparece a ra por ningures. Para Camba, o animal do que se valeu para compoñer título tan enigmático é un símbolo da inxenuidade e con el quería expresar a idea de que viaxara polo mundo como un batracio asombrado.

Eu teño un amigo que quere ter ras na finca da casa, pero ata agora non o conseguiu. Non é fácil. Hai quen utiliza como remedio unha bombilla para atraer os mosquitos necesarios como alimento, pero iso non funciona, porque só ten sentido de noite, precisamente cando se dá a circunstancia de que as ras comen de día. Unha papeleta difícil.

Eu quedei en levarlle unha caixa de ras de Xinzo de Limia, collidas na lagoa de Antela polo meu amigo Quico cando saia do hospital, onde leva unha tempada por culpa dun accidente de coche. A ver que pasa con estas, que son especiais, acostumadas a comer uns mosquitos que a lenda asegura que son os exércitos do rei Arturo transformados desta maneira. Estaría ben levarlle tamén eses mosquitos, por non cambiarlles a alimentación, pero daquela  empezariamos a falar xa de palabras maiores. Para min, sería como botarlle cristiáns ás feras, non polos insectos en si, senón porque antes foron guerreiros. E un guerreiro non debera morrer nunca, nin sequera na boca dunha ra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de marzo de 2000.