La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando estaba casada con el, Marilyn Monroe chamáballe “my slugger”, usando con ambigüidade unha palabra que no béisbol se utiliza para designar o bateador que golpea a bóla con forza. Para Joe DiMaggio, o máis importante xogador de béisbol de todos os tempos, que acaba de morrer, Marilyn foi unha bóla con moita frecuencia. Esa historia transcendeu nunha ocasión, pouco despois de casaren, cando a actriz apareceu en público cun dedo entablillado.  Aínda que ela dixo que tivera un accidente doméstico, non tardou en saberse que DiMaggio lle batera. Non sería a última vez. A última de verdade foi o mesmo día da separación da parella.

Nisto de pegarlle á muller, o xogador de béisbol non se comportou de maneira distinta a xente máis culta ca el. Vicente Risco, escritor de moitos e raros saberes, que chegou a escribir unha biografía de Satanás e que foi o primeiro español en dar a coñecer afigura de Rabindranath Tagore en España, contaba en privado, ninguén sabe con que fundamento, que a Heidegger lle pegaba a súa muller.

Porén, Joe, como todos os brutos, tamén tiña o seu corazón, igual que lle pasaba a Hemingway, aquel enredante que na novela O vello e o mar sacou a DiMaggio como o heroe a quen tanto admira o pescador Santiago. Un día, cando aínda se amaban, Marilyn fíxolle prometer que se ela morría antes, el lle levaría flores todas as semanas á súa campa. A promesa mantívoa Joe ata o final: esas flores, orquídeas se mal non me lembro, aínda estaban frescas hai uns días sobre a tumba daquela marabillosa muller. Hai que supoñer que a semana que vén será a primeira vez que falten, despois de corenta anos. A Marilyn nada lle saíu ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de marzo de 1999.