La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que pedín un autógrafo na miña vida, alá polos anos cincuenta, foi a aquel porteiro do Deportivo que se chamaba Pita. Descubrino paseando pola rúa con outras dúas persoas descoñecidas, entrei rapidamente nun comercio calquera para solicitar unha folla de libreta onde o futbolista me puidese escribir a firma e abordeino con naturalidade, sen medo nin vergonza. Non recordo moitos máis detalles, aínda que estou vendo o seu nome, escrito en letras maiúsculas, no medio e medio do papel cuadriculado.

Algunha vez máis teño pedido autógrafos, a verdade é que sen fanatismos, pois creo que son pouco fetichista. A pesar de todo gardo na casa un número alto de libros dedicados, case todos ofrecidos polos autores sen que eu llos pedise, o cal non impide que os conserve con cariño. Forman un conxunto agradable de recordos.

Onte pola noite, cando me dispuña a saír da casa para asistir a un concerto do violinista Stéphane Grappelli, pasoume pola cabeza levar comigo a biografía que lle dedicou R. Horricks e pedirlle que ma firmase. Entón sentín que me invadía un sentimento incómodo de vergoña, case unha sensación de ridículo. Deixei o libro na estantería onde estaba e alá me fun, sen dúbida máis tranquilo, pero algo desacougado por aquela falta de decisión. Lástima que aquel neno que un día lle pediu un autógrafo a Pita quede xa tan lonxe de min.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de febreiro de 1994.