La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para min, no momento en que escribo estas liñas, son as cinco e media da mañá do venres, aquí en Nova York, mentres en Galicia serán seis horas máis tarde. O reloxo que todos levamos dentro, sen piedade, retiroume o sono hai xa bastante tempo e aquí estou esperto cando todo o mundo dorme, agardando que chegue a hora de erguerse, que aínda tardará. Xa vin un par de programas na televisión, lin vinte páxinas dunha novela e fixen un par de chamadas telefónicas. Agora só me queda esperar que empece o día.

Pola ventá do cuarto, que está nun piso trece, cousa rara neste país, onde ese número sempre se salta, vexo un montón de oficinas, todas coas luces acendidas, pero baleiras, pois a xente aínda non deu comezo á xornada laboral. Algúns ordenadores, non obstante, seguen conectados, e hai plantas, moitas plantas.

A que está animada é a rúa. Quero dicir que hai moito tráfico. Nun lugar onde viven tantos millóns de persoas, alguén sempre ten que ir a algún sitio, a pesar da hora; uns para o bo e outros para o malo. De todos cantos pasan por aí abaixo, supoño que a maior parte irá traballar, pero algún ruín, deses que hoxe lle acabarán metendo frío no corazón a calquera ser humano, seguro que tamén andará esperto por aí, maquinando no seu. Polo demais, todo ben. Incluso o frío xa non é tanto, o cal tamén é de agradecer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de febreiro de 1996.