La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Nelson Mandela visitou os Estados Unidos, unha periodista que lle fixo unha entrevista para a televisión presentouno como un importante dirixente político afroamericano, o cal non é certo, como todo o mundo sabe. Non foi exactamente unha metedura de pata, senón que a pobre da rapaza, obsesionada por non dicir a palabra negro, que está moi mal vista no seu país desde que se puxo de moda a chamada linguaxe política correcta, recorreu de maneira espontánea ao termo que agora se emprega usualmente.

Non se lle pode chamar negros aos negros nin gordos aos gordos nin pequenos aos pequenos, como tampouco se pode dicir dun cego que é cego. Por non prestar atención a estes novos costumes, hai xente que xa tivo problemas no seu traballo, especialmente nas universidades, onde o puritanismo lingüístico prende como lume.

Esta cruzada orixinada en América leva xa algún tempo tratando de introducirse no Reino Unido. A Igrexa Anglicana, por exemplo, está modificando algúns dos seus himnos, de xeito que onde antes se dicía que os “homes” cristiáns se enchen de alegría, agora hai que dicir “todos” os cristiáns. No mundo civil, alguén denunciou unha empregada municipal que coida nenos porque na colección de bonecos que ten na súa casa, un deles é negro. Esperemos que a moda tarde en chegar aquí, que non tardará.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1994.