La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Entre as persoas que coñeceron e trataron a Ava Gardner hai unha unanimidade coincidente á hora de ponderar a beleza da célebre actriz, que case todos consideran deslumbrante. É certo que era pequeniña, que bebía por sete homes arrastrados e borrachos e que cando estaba baixo os efectos do alcohol se convertía nun animal agresivo e perigoso. Como amante, aseguran que resultaba invasora, aínda que ás veces era ela quen saía crismada das batallas, con calquera dos ollos postos á birulé ou un brazo partido en dous pola metade.

Vivía con exceso. En Madrid foi veciña do xeneral Perón, que se empeñaba en botar discursos ao aire desde a ventá do piso que ocupaba, unha chochez que Ava Gardner non soportaba e que procuraba combater con medios que a ela lle parecían contundentes e eficaces. Sabedora do machismo do político arxentino, arruináballe as soflamas berrando a pulmón quitado: “¡O xeneral Perón é un maricón!”

É probable que aquela beleza que a tantos cativou non fose intemporal, senón o produto estremecedor dunha época desgarrada, igual que a fame. A fermosura dos nosos días é a de Claudia Schiffer, a modelo alemá que acaba de obter un éxito rotundo desfilando estes días en Madrid. Trátase dunha rapaza alta, de cara perfecta e corpo golosamente debuxado, encarnación inexplicable dalgunha idea soñada. Unha muller distante e clásica. Como sempre, os fervorosos de todas as causas preferirían algo máis de paixón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de febreiro de 1993.