La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No artigo de onte, cando falei desa tía miña que un día se me pareceu moito a Cristóbal Colón, aludín aos cachetes que nos daban na infancia, que no meu caso, por fortuna, foron practicamente inexistentes. Creo que esa sorte lla debo en parte á Maruxa, a rapaza que axudaba na casa e que foi como unha nai para min e para os meus irmáns. Moitas veces, simplemente, interpúñase entre a zapatilla materna e os nosos traseiros, defendéndonos aínda que fósemos culpables, que o eramos case sempre. En realidade, eu pasaba o día discorrendo maldades, unha boa parte delas dirixidas, paradoxalmente, a meterme coa nosa protectora.

Unha tarde, cando estabamos pasando o verán en Beiro, descubrín que a varanda do balcón que daba a un dos patios tiña problemas de seguridade e que podía caer só con arrimarse a ela. Entón baixei, chamei por Maruxa e coloqueime de tal xeito que, para verme, tivese que inclinarse, botando o corpo fóra. Antes de que me dese tempo a pensar, xa estaba ela no chan, caída desde o alto.

Estouna vendo espatarrada, absolutamente inmóbil, pálida e cun xesto raro na boca, como de lagarto desdentado. Eu non sabía que facer, soamente pensar de min mesmo que era un criminal e agardar que Deus me quixese botar unha man. Logo púxenme de xeonllos ao lado dela, observeina de preto a ver se respiraba e, cando cheguei á conclusión de que non había remedio, deille un bico e boteime a chorar. Nese momento, Maruxa volveu en si e, ao verme, dixo: “Ti es o demo, pero non chores, que pode vir a túa nai”. Logo colleume da man e subimos á casa. No rosario da noite, receille a aquela muller. Por ese pecado non irei ao inferno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de febreiro de 1999.