La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pasado, un amigo tivo a amabilidade de invitarnos a cear na súa casa a un grupo de oito persoas. Estaba alí Amancio Prada, a quen coñezo desde hai máis de vinte anos, e que nos cantou, acompañándose á guitarra, ata as dúas da mañá. Pero despois empezou unha longa tertulia, na que descubrín unha faceta nova do artista que ignoraba completamente. Resulta que este home serio e discreto, de aspecto melancólico, é un magnífico contador de historias, para o cal fai voces e imita xestos cunha naturalidade asombrosa.

Daría algo por saber reproducir aquí, tal como el os contou, algúns episodios da vida de Teófilo Caamaño, un vagabundo de Carnota amigo seu que estivo internado no campo de exterminio en Mathausen e que percorreu o mapamundi de cabo a rabo, sempre coa morte á súa beira, disposta a collelo nun descoido.

Polo que o propio Amancio sospeita, aínda que non se trata máis que dunha certeza do corazón, ese descoido debeuse producir xa. Se así foi, o venres recibiu o personaxe unha preciosa oración fúnebre. Supoño que a podería escoitar desde algún sitio, ou polo menos estaría ben que fose así. En todo caso, eu doulle as grazas ao vagabundo de Carnota pola fermosa velada que pasamos xuntos escoitando as súas aventuras. Cando a vida é tan agradable como foi esa outra noite, está claro que a alguén llo hai que agradecer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de febreiro de 1995.