La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe vou falar de tres lambonciños que coñecín e tratei, cada un do seu pau. En primeiro lugar, o meu avó, que era de postres. Gustáballe sobre todo o flan, que comía con parsimonia, sospeito que saboreando os bocados milímetro a milímetro, incluído o prebe. Viña despois o roscón, que emborrachaba con calquera licor, e a continuación seguíalle o brazo de xitano, que tamén regaba con alcohol. Por último, as sopas de burro cansado, é dicir, torras de pan con viño e azucre. Con todo iso, viviu máis de noventa anos.

Do segundo non direi o nome porque roubaba figos pasos na taberna do José Ramón, preto da miña casa. Aproveitaba calquera descoido da Felisa, que estaba detrás do mostrador, e nun tris íalle ao saco. Tiña esa debilidade. Era un vello gordiño, coa cara feliz dun neno tranquilo e a pel de leite. Pasou tamén dos noventa.

O terceiro foi don Carlos de Gueral, cura de corpo grande e corazón aínda máis grande. Facía trampas na partida de tresillo, pero ninguén llo tomaba a mal. Era lambón de empanadas. Un día, na casa dun tío meu gastáronlle a broma de gardar o seu prato preferido para o final, despois do cocido. Eu mesmo o vin dar saltos no comedor, medio en broma medio en serio, para facerlle sitio a un bocadiño. Morreu case centenario. Supoño que a razón da lonxevidade dos tres lles veu por ser lambóns, é dicir, xente pacífica.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 1996.