La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando Cristina Almeida intervén neses programas de televisión nos que participa con frecuencia, antes de dicir a primeira palabra xa ten do seu lado a unha parte considerable dos espectadores. É simpática, parece honesta e non debe ser tonta: un capital. Aínda estando en desacordo moitas veces co que di, nunca nos produce a sensación de ser tramposa cos argumentos que emprega nin de defender posicións egoístas ou interesadas. A todo isto hai que engadir ademais a súa espontaneidade, pura cortesía do corazón.

O que sucede é que a cortesía do corazón, sempre tan xenerosa, ás veces non se decata de que lle dá patadas no traseiro ao rigor. Son os perigos que rondan aos simpáticos, xeralmente extrovertidos e faladores, embalados a toda marcha na carreiriña do propio discurso, conscientes de que parte da súa eficacia consiste en non calar nunca e ter resposta aberta e contundente para todo.

É nese troupeletrou embarullado de ideas e sentimentos onde se perden os matices, ese requinte superior da intelixencia, aínda que é tamén nesa confusión ocorrente e graciosa onde se gañan os adeptos. Se o que Cristina Almeida pretende é loitar contra as violacións, a castración parece unha solución radical, que ademais lle reportará aplausos de moitos seguidores. Se o que quere, en cambio, é falar en serio dun problema grave, debe facelo con máis calma, aínda que para iso teña que sacrificar unha parte do seu encanto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de febreiro de 1995.