La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez asistín en Suecia a un mitin do xefe do partido conservador nunha pequena cidade de provincias. Falaba desde o alto dunha cadeira no centro da praza maior para un reducido grupo de trinta ou corenta persoas, mentres o resto da xente, allea ao discurso do político, seguía mercando amorodos, cebolas e tomates no mercado de arredor. Pareceume un home intelixente e duro, irónico e simpático, con sentido común. Alguén lle preguntou entón polo asunto dos submarinos soviéticos que espiaban as costas do país.

A resposta foi graciosa e sen dramatismo, moi distinta da angustia que transmitían algúns políticos máis novos do seu partido, convencidos de que os soviéticos entraban impunemente nas badías e os portos suecos, naturalmente con malas intencións. O líder conservador permitiuse incluso unha broma perversa sobre o seu xenro.

Dixo que a ocupación preferida deste durante as vacacións de verán consistía en subirse ao alto dunha rocha, á beira do mar, e pasar horas cuns binóculos na man, á espreita dos famosos submarinos. Ninguén sospeitaba entón que aquel rapaz novo, con cara triste e rostro inexpresivo acabaría logrando o que o seu sogro nunca conseguiu: ser primeiro ministro. Durante o seu mandato, en vez de prismáticos, utilizou torpedos. Agora acaba de saberse que bombardeaba visóns. Non durou máis que tres anos no poder.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de febreiro de 1995.