La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando estiven no entroido de Xinzo de Limia, vin un veciño da vila, antigo garda civil, que sempre destacaba pola orixinalidade dos seus disfraces, pero que nesta ocasión ía a corpo xentil, sen máscara nin roupa especial. Eu recordo este home, hai xa bastantes anos, disfrazado soamente cunha pinza metálica pendurada dun pelo do bigote. A pesar da sinxeleza do motivo, que resultaba insignificante, provocaba a gargallada aberta de cantos o observaban. Está claro que a graza se leva na alma.

Xente así, capaz de facer rir aos demais a base de enxeño, había moita. Agora véñenme a cabeza o Cacá, un anano simpático e ocorrente, e o Jota Bé, un carniceiro analfabeto, pero que inventou o sistema de signos para escribir a palabra “polo” sen saber. En tempos, ambos os dous eran medio carnaval. O primeiro xa morreu.

Polo que puiden comprobar este ano, a tradición da agudeza continúa. Podería facer aquí unha lista longa de disfraces intelixentes, pero quedo con un. Era un home que levaba una carreta cargada cos seguintes obxectos: unha botella de viño, o casco dunha gasosa, unha orella de porco, un cacho de touciño e non recordo que mais. Ía moi serio, case filosófico. Non me decatei do que significaba todo aquilo ata que me dixo que lle escapara un rato. A intelixencia dos lectores afórrame ser máis explícito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de febreiro de 1997.