La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na capela de Santo Domingo de Val hai unhas escenas que representan a historia dun xudeu que lle comprou unha hostia a un sacristán para cometer despois con ela algún tipo de profanación ritual. Unha intervención divina impediu, non obstante, que se consumase o sacrilexio e a sagrada forma acabou na patena de ouro da catedral, convertida nun neno que o arcebispo de Zaragoza enguliu durante a misa. É unha historia que se repetiu con frecuencia na España do século XV e que contribuíu a preparar a expulsión dos xudeus.

A máis sonada de todas estas patrañas foi a do Santo Neno de La Guardia, un rapaciño cristián presuntamente raptado naquela localidade toledana por un grupo de xudeus, os cales, o día de Venres Santo de 1489, o someteron aos mesmos suplicios que lle foran inflinxidos a Cristo, incluída a crucifixión.

Por aquel motivo, a Inquisición queimou un grupo de persoas, algunhas das cales levaban o apelido Franco. Este dato permitiulle ao ferrolán Santiago Montero Díaz, tan ilustre profesor como individuo estrafalario, establecer unha liña de parentesco, parece que real, entre os xudeus toledanos que mataron a aquel neno e o xeneral Franco. Desta maneira, Montero buscáballe á recoñecida crueldade do ditador un fundamento histórico infamante, e morreu convencido de que conseguira esmendrellarlle a xenealoxía ao seu ilustre veciño. Por pouco tempo, pois outro historiador di agora que o crime horrible de La Guardia foi un invento da Inquisición.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de febreiro de 1993.