La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos setenta, durante os veráns, a televisión sueca acudía con moita frecuencia a unha casa de vacacións situada á beira do mar, na costa oeste do país, non moi lonxe da cidade onde eu estaba, para entrevistar a un vello de rostro nobre, intelixencia aguda e conversa natural. Chamábase Tage Erlander. Este nome quizais non lles diga moito ás persoas que non coñecen Suecia, pero para os habitantes daquel país era unha figura venerada, un político respectado por todo o mundo, incluídos os seus adversarios.

Cando Tage Erlander deixou a xefatura do goberno, despois de vinte e tres anos, para pasarlla ás mans amigas de Olof Palme, a muller daquel presentouse un día na secretaría do primeiro ministro para facer entrega de catro lapis que o seu home utilizara na casa para facer algúns traballos, pero que pertencían ao Estado.

Sempre que vin na televisión aquel home, sentado coa súa muller no xardín da casiña onde pasaban o verán, víñame á cabeza o conto ese dos lapis. Recordeino onte de pronto, mentres comía cuns amigos, ao falar cunha deputada sueca que tiña ao meu lado. Expliqueille o moito que me impresionara esa historia e que fora a causa da simpatía que lle tiven sempre a aquel señor. Entón, a miña compañeira de mesa díxome que, se alguén repetise hoxe aquel fermoso xesto, sería considerado unha persoa extravagante.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de febreiro de 1996.