Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Misterios que un non entende

31 de enero de 2014 a las 0:10

Ás veces, algúns amigos pregúntanme como fago, sobre todo cando estou de viaxe, para que estas liñas que escribo a diario aparezan aquí todos os días pola mañá. A cousa non ten nada de especial, pero por se alguén sente a curiosidade de sabelo, voulle contar o segredo. Levo sempre comigo un pequeno ordenador portátil que non pesa moito máis de dous quilos. Chegada a hora, busco un lugar cómodo, incluso unha mesa de café ou unha terraza, se non teño algo mellor a man, e escribo o que se me ocorre.

Unha vez rematado o artigo, teño que ir ao teléfono para conectar o ordenador. O problema está nas explicacións que debo dar cando se trata dun aparato público, pois os donos dos cafés miran con desconfianza. Ver un señor manipulando un cacharro que se une por un cable coa liña telefónica parécelles raro.

A min, tamén. Igual que lles sucede a eles, eu tampouco entendo o que pasa. Soamente sei que despois de darlle a dúas ou tres teclas, aparece na pantalla unha mensaxe que di: “La Voz de Galicia, introduza a súa clave”. Obedezo, non sen pensar nas ironías do destino, pois unha parte da clave son as siglas Gal, e despois agardo medio minuto. Entón, se non hai inconveniente, leo a confirmación de que todo foi ben e apago. Para min é un misterio, pero funciona. Dáme pena saber que non hai un homiño dentro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xaneiro de 1996.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario