La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nos periódicos que en Asturias hai un señor que ten unha pega que parece xente. En primeiro lugar, fala. Faino, ademais, segundo comentan os que a coñecen, cunha dicción perfecta, máis clara que a dos papagaios. O dono, un velliño xubilado, pasea co animal pola aldea, charlando os dous cos veciños. Despois, marchan para a casa en compañía, e comen xuntos. O paxaro ten as súas preferencias gastronómicas, de xeito que lle gusta o cocido, o chourizo, o queixo e a tortilla, pero aborrece en cambio a fabada.

Polo demais, a pega séntese moi contenta na lareira, á beira do lume, especialmente os días que vai frío. Leva, polo que se ve, unha boa vida. Iso demostra que nin o propietario nin as xentes do lugar cren nos contos que se contan desta clase de bichos, aos que, polo menos na miña terra, consideran aves de mal agoiro.

Nisto da mala fama, hai animais que soportan esa desgraza. Ocorre tamén coas donicelas, das que se di que lles quitan a voz aos cans, ou ás vacalouras, que son acusadas de tronzar os dedos dos rapaces cos seus ganchos. Todo o contrario do que sucede coas pombas ou as gaivotas, que teñen unha consideración case poética, sen que se saiba ben por que. É como se no reino da bichería houbese brancos, negros ou xitanos. O malo é que esa clasificación, como no mundo da xente, está feita polos mesmos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xaneiro de 1997.