La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola mañá, aproveitando que estaba en Ourense, achegueime ata Xinzo de Limia. Agora, pola autovía, tárdase uns quince minutos. Para min será sempre unha cousa difícil de entender, pois cando eu era neno, ese traxecto non se facía nunca  en menos dunha hora e pico, no caso de empregar un turismo, e arredor de dúas horas, utilizando os autobuses, que daquela se chamaban coches de liña, da empresa Auto Industrial.

De maneira que o feito de ir á capital consistía nunha viaxe, non no paseo en que se converteu agora. Un día, vindo de Madrid a Vigo no avión, ao pasar sobre Xinzo observei que Ourense, visto o panorama desde aquela altura, estaba xusto ao lado, como a unha cuarta de distancia. De xeito que parece máis razoable facer ese percorrido nos quince minutos de agora que nas dúas horas que se necesitaban hai trinta anos.

Trátase do progreso. Precisamente onte, cando ía andando por unha rúa estreita do Barrio de Abaixo, escoiteille dicir a unha señora, que falaba cunha rapaza máis nova, a seguinte frase: “No te preocupes, mujer. Iso o buscas por Internet”. Nese instante eu acordeime da escola de don Fausto, xusto ao lado, onde se facían as contas con pizarra e pizarrillo. Todo un símbolo do adianto. Lástima que este non fose uniforme. Nese caso, as casas que se fixeron na miña vila nos últimos tempos serían algo máis fermosas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneiro de 1998.