La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A señora Helena foi unha muller, tan xorda como boa e maniática, que traballou moitísimos anos na casa dun tío meu. Non aceptaba outra maneira de averiguar se as patacas estaban xa cocidas que sacar unha delas da pota e lanzala contra a parede da lareira, para ver se quedaba pegada. Tampouco concibía que se puidese durmir ben nun cuarto que non arrecendese a mazá. Por iso tiña ducias delas tiradas polo chan da súa alcoba, ademais dunha pequeniña que metía debaixo da almofada.

As manías estendíanse ata o pan, que debía ter ollos grandes, un parecer que non compartía o lambonciño do Ramón, un criado bondadoso e pousón, que entendía que un bo cacho de centeo tiña que aguantar ben do touciño, sen que este se perdese por entre tanto buraco como a señora Helena se empeñaba en facer.

Eu nisto dos ollos do pan, son da opinión daquela señora. Aínda o outro día, o que cocemos na casa saíu demasiado apretado e compacto, bo para untar manteiga, pero pouco apropiado para comer a secas, que é unha das delicias que ten. Iso fixo que eu non o probase. Claro que case no momento me viñeron á cabeza estes recordos dos que estou falando agora, de maneira que a frustración da boca ou do gusto converteuse en alegría da memoria. A verdade é que, nestas cousas pequenas, non resulta difícil contentarse.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xaneiro de 1996.