La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No verán pasado, unha noite vin na televisión un individuo natural da antiga Iugoslavia que respondía con tranquilidade a unha entrevista moi dura, na que unha rapaza francesa de aparencia fráxil lle recordaba as acusacións que pesaban sobre el por crimes repugnantes. Desde o principio supuxen que eran certas polo cinismo do personaxe, que non deixaba de rir. Nun momento, cando a periodista lle dixo que podía ser detido polas tropas internacionais, comentou: “Que o fagan; eu mesmo os convido a facelo. ¡Adiante!”

Pronunciou estas palabras mirando para un compañeiro, ao que lle chiscou un ollo. Logo, os dous botaron unha gargallada e tocaron de maneira ostensible as armas que portaban. Confeso que se naquel momento dependese de min como dependía de Deus, montaba unha tronada e deixáballe caer un raio fulminante na cabeza.

Posteriormente, en varias ocasións vin citado o nome deste home sempre como un criminal ruín e sempre tamén como un tipo fanchón, bastante chulo. Non hai moito aínda, volveu desafiar ás tropas de pacificación a través dos periódicos, seguro do seu poder e da súa impunidade. Por fortuna, onte collérono, pero sen derramar un tiro, porque aquel terror dos mares resultou ser unha ovella. A min deume a risa, pois veume á cabeza a historia daquel valente que foi ver se había pólvora nun polvorín, acendou un misto e habíaa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xaneiro de 1993.