La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos de onte daban a noticia da morte de Hedy Lamarr, que chegou a ser famosa no mundo do cine como a actriz que non fixo Casablanca e porque foi a protagonista dunha película escandalosa, Extase. As dúas cousas son certas, pero hai moito máis. En primeiro lugar, é verdade que Lamarr foi a elixida polos responsables da Warner para o papel que logo acabaría facendo Ingrid Bergman, pero foron os directivos dos estudos os que non deron o permiso necesario. Non houbo máis ca iso e non se sabe que aquela negativa lle crease problemas nin que a convertese nun ser frustrado.

O da película Extase é outra historia. Por riba dos seus valores artísticos, que levan a marca dun bo director, Gustav Machatý, e dun excelente guionista, o poeta checo Vitéslav Nezval, recórdase hoxe por un par de escenas eróticas e porque era unha das primeiras veces que se podía ver na pantalla o corpo espido dunha actriz guapísima.

Cando chegou a América, Hedy Lamarr chamábase Hedwig Kiesler. Cambiou de nome pola admiración que sentía por Barbara Lamarr, unha das golfas máis golfas de todo Hollywood, que nunca durmía máis de dúas horas porque, segundo dicía, tiña cousas máis importantes que facer. Só vivindo con ese ritmo foi posible que esta muller, que morreu dunha sobredose de heroína cando tiña vinte e seis anos, levase liquidado xa seis matrimonios, os mesmos que consumiría a súa sucesora, pero esta ao longo de máis tempo, pois ía camiño de cumprir os noventa de idade. Hedy era máis lista que Barbara e non menos guapa, pero tampouco tivo sorte. A non ser a de vivir moitos anos, que non é pouca.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xaneiro de 2000.