La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Debeu ser alá polos anos corenta, ou quizais xa un pouco máis tarde. O caso é que nun dos autobuses que facían o servizo de liña de Ourense a Verín produciuse un atraco. Se mal non recordo, o asalto ocorreu un día pola tarde, nunha curva que había antes do alto das Estivadas, e acabou coa morte a tiros do revisor. Ademais dos moitos rumores que correron daquela, con versións variadas e incluso fantasiosas, pouco tempo despois, nun xantar na casa dos meus pais, unha das testemuñas contou o realmente sucedido.

O único que me quedou na memoria foi a sensación de medo que transmitía aquel señor ao describir o atraco, sobre todo cando soaron os disparos e o corpo da vítima caeu sen vida no  chan. Durante tempo, non conseguín subir naquel coche sen que me pasase pola cabeza a idea de que nos ían matar a todos.

Esta historia, que xa tiña completamente esquecida, presentóuseme de repente o outro día na lembranza, cando vin na televisión esa xente secuestrada en Rusia e metida en autobuses. Non me foi nada difícil poñerme no seu sitio. É o dato que boto de menos na abundante información sobre o suceso: sabemos todo, excepto o que debe estar pasando no corazón dos inocentes. Para a Historia, que se fai con grandes xestos, esas non son máis que miudezas. Simple decorado para o líder dos chechenos e para Ieltsin.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xaneiro de 1996.