La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esa señora americana especialista en escribir libros escandalosos sobre xente famosa, a célebre Kitty Kelley, anuncia agora unha obra dedicada á casa real británica. Será, sen dúbida ningunha, un libro cheo de maldades. Hai tempo que atopou a fórmula: non mentir nunca, pero contar só cousas ruíns. Foi ela quen descubriu que Elizabeth Taylor fixera un aborto estando embarazada de Frank Sinatra, que unha irmá dos Kennedy fora sometida a unha lobotomía ou que a Jackie Onassis lle aplicaran electrochoques.

Do último libro sobre Nancy Reagan tiña vendidos case un millón de exemplares antes de que a obra aparecese nas librerías. Non decepcionou aos lectores, que por aquelas páxinas souberon que a muller do presidente tivera amores con Sinatra na mesma Casa Branca e que era unha auténtica bruxa. Nancy tivo que calar.

Ata agora, todas as súas vítimas non puideron nada contra ela. Unha recua de avogados expertos revisan con detalle todo canto escribe, de maneira que non se lle dea a ninguén a oportunidade de presentar unha querela diante dos tribunais de xustiza. Frank Sinatra intentouno, pero ao final tivo que desistir. Lanzoulle unha maldición terrible. Dixo: “Espero que a próxima vez que atravese unha rúa, pasen correndo catro rapaces cegos conducindo os seus coches”. Eu, desde logo, andaría con coidado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xaneiro de 1997.