La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ascensor duns grandes almacéns coincido con dúas señoras xa maiores, ben vestidas, aínda que sen luxos, que andan de compras. Unha delas, pequeniña e algo chepuda, ten un lixeiro  tremor na cabeza, que non lle afecta ao sorriso, un xesto permanente que non se sabe se procede dalgunha íntima satisfacción coa vida ou se non é máis que un aceno conxelado. A compañeira, un poco máis nova, delgada e con aspecto de sarillo, gasta aires de pespereta nerviosa e sabichona. Naturalmente é esta última a que fala.

Mentres baixamos a ritmo lento, con parada en cada un dos pisos da tenda, escoito as miñas compañeiras. Veñan de onde veñan, traen unha conversa que as divirte e as relaxa, pero que eu tardo en comprender. Aluden a algo na televisión que lles resulta xenial e divertido. Deseguida me decato de qué cousa concreta están falando.

O que lles produce o entusiasmo que confesan é un anuncio de chocolates, unha gansada concibida para meterese cun coñecido personaxe da vida pública deste país. Vese que hai gustos para todo. Non sei por que, por un momento, imaxino a este par de damas felices contestando unha enquisa sobre calquera asunto transcendente da vida moderna: a necesidade de someter a referendo o tratado de Maastricht, por exemplo. Coa mesma naturalidade que lles gusta o anuncio, pode non gustarlles, ou gustarlles, o tratado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xaneiro de 1994.