La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Débolle a Billy Wilder a primeira risa do ano que comeza. Estaba onte lendo a súa biografía e atopeime cunha historia chea de malicia que merece a pena ser contada. Tratábase dun neno, amigo da infancia do célebre director de cine, a quen o pai sorprendeu un día facendo un pecado. Co propósito de corrixilo, díxolle que se repetía aquel acto cincuenta veces, morrería. O rapaciño prometeuse a si mesmo emendarse, pero sen conseguilo. Por precaución, cada vez que sucumbía puña unha raia nun caderno.

Pouco a pouco, a pesar de estar convencido de que a súa debilidade o conducía irremediablemente cara a un fatal desenlace, a libreta íase enchendo de raias. O único que conseguía con moito esforzo era ir retrasando o día da morte, que de todas maneiras se aproximaba de forma inexorable, tal como o seu pai lle tiña anunciado.

A raia número corenta e nove estivo bastante tempo pechando a serie, pero o demo arranxou todo para que a número cincuenta, e definitiva, fose trazada no lugar que lle correspondía. Antes, o rapaz escribiulle unha carta cariñosa aos seus pais, na que lles explicaba como tiña loitado contra a tentación, pero que ao cabo ía caer por última vez e que rogaba que lle perdoasen. Meteu a carta por debaixo da porta do dormitorio deles e alá se encamiñou cara ao acto final. Por fortuna, Deus foi máis comprensivo que o pai do rapaz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 1995.