La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un periodista italiano, Aldo Buzzi, asegura nun artigo que vexo reproducido nun periódico de Nova York, que a raíña Isabel a Católica cheiraba a melocotón maduro. Como non gardo ese arrecendo na memoria, ignoro se tal información debe entenderse como un piropo ou como unha acusación de guarrería. Sempre se dixo, non sei con que fundamento, que a soberana española non cambiaba a camisa e que por iso mesmo cheiraba a bravú, polo menos ata que se mudou con motivo da conquista de Granada.

Eu tiven na escola unha compañeira que cheiraba a anxo. Non é unha metáfora, por iso me explico. O olor que desprendía era exactamente igual que o que viña dun anxelote barroco que había na casa da miña avoa en Ourense, no oratorio, e que debía proceder da madeira e a pintura. Era lixeiramente doce e agradable.

Un día, sen poder resistir o entusiasmo que me producía saber que tiña o ceo ao alcance do nariz, confeseime cun compañeiro de clase. Era un rapaz delgado e taciturno, branco como unha saba, o cal interpretaba eu como un signo de espiritualidade; por iso o elixín para aquela confidencia. Aínda o vexo de cando en vez, algo máis gordo e non tan pálido, e sígolle estando agradecido. Cando lle dixen que aquela nena cheiraba a anxo, díxome: “¿A anxo? ¡A queixo, quererás dicir!” Desde entón é o meu postre favorito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de decembro de 1992.