La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Nova York, un profesor mozo do Instituto de Investigacións Sociolóxicas dixo nun acto público que unha persoa vale bastante menos que un dólar. En menos de trinta segundos, cun xiz na man, sobre un encerado fixo unha simple operación para demostralo. Tratábase de sumar unhas poucas cifras: o prezo duns litros de auga e algún resto sólido sobrante. Un asistente replicoulle que o valor dunha persoa non se mide só polos seus residuos, igual que un cadro de Van Gogh, destruído polo lume, non vale como cinsa.

Depende. Desde logo, en prezos de mercado, un ser humano vivo ten valores moi dispares. Por exemplo, para os terroristas, un policía non debe valer moito máis que unha mosca: liquídase coa mesma indiferenza. Non así un empresario, xénero polo cal se poden conseguir a cambio moitos millóns de pesetas.

Na industria do crime organizado, as tarifas están perfectamente reguladas. En Londres, un tal Harry acaba de declarar a The Observer que por pegar unha boa paliza cobra o equivalente a unhas seiscentas mil pesetas. A cantidade sobe a uns seis millóns se hai que matar á vítima. Naturalmente, ese non é o valor dunha persoa, senón o prezo que cobra o criminal polo seu traballo. O que a xente vale, en realidade, non depende dela mesma, senón do cariño que lle teñan os demais. En Bosnia hai rapaces que non valen un can.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de decembro de 1993.