La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo na revista Granta, que se empezou facendo en Cambridge e agora se fai en Londres, o avance dun libro que vai aparecer proximamente, no mes de febreiro do ano que vén. É a primeira publicación dun avogado que se chama Joseph O’Neill. No capítulo que se inclúe nesta revista británica, describe con moito detalle as execucións dun grupo de individuos que foron condenados  a morte e aforcados o ano pasado en Trinidade e Tobago, un país onde os tribunais sentenzan á última pena con moita frecuencia, sempre co aplauso dos cidadáns. A un disidente, que leva a cabo manifestacións en solitario protestando contra a pena de morte, xa estivo a punto de linchalo nunha ocasión unha multitude indignada.

De todo canto conta O’Neill sobre as execucións desa xente, non hai case nada que non poidamos imaxinar ou que non teñamos visto no cinema. Uns subiron ao cadalso cantando himnos relixiosos; outros, en silencio, sen amosar signos nin de temor nin de arrepentimento; algúns, berrando como eses animais que saben o que lles espera no matadeiro, e tan enlouquecidos que tiveron que ser arrastrados ata o altiño onde os agardaba o verdugo ao pé da forca.

A parte menos coñecida está na parafernalia que rodea a execución. Por exemplo, o verdugo chega nun coche negro, cos cristais tintados e cunha capucha que lle cobre a cabeza. Logo páganlle douscentos corenta dólares (¿por que non serán douscentos cincuenta?) e unha botella de ron. Se algún dos condenados é demasiado delgadiño e hai sospeitas de que non quede ben aforcado por falta de peso, cólganlle unhas bolsas de area, para axudalo. Todo está tan perfectamente regulamentado e tan previsto que incluso no caso de que algún dos sentenciados teña a ocorrencia de suicidarse antes, como sucedeu na ocasión da que nos fala Josep O’Neill, hai un equipo de médicos disposto a salvalo para que poida morrer cando lle toca, non cando el quere. Isto sería ilegal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de decembro de 2000.