La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo na televisión un programa sobre Irán. Aparecían nel un grupo de rapaces novos, celosos defensores da revolución, que alternaban rezos e gritos relixiosos coa aprendizaxe do manexo de armas para combater os inimigos do Islam. Logo, preferentemente polas noites, eses mesmos mozos inflamados de fervor percorrían as rúas á procura de mulleres díscolas, é dicir,aquelas que pintan os labios, usan colorete ou amosan un pequeno flequillo coqueto saíndo de debaixo do pano que oculta os seus pecados.

Moitos deles choraban de emoción mentres cantaban nas mesquitas. Contrastaba a pureza dos seus sentimentos coa serenidade dos seus xefes, máis fríos e tranquilos, nos que o fanatismo xélido da súa vontade non se traducía no dramatismo dos xestos, senón na determinación firme das ideas. Son eles os que gobernan.

Nun lugar secreto, as cámaras recolleron tamén a un pequeno fato de rapaces e rapazas dialogando na clandestinidade cun profesor universitario disidente que falaba de liberdade, diálogo e tolerancia. Nin berraban nin levaban armas, simplemente trataban de reflexionar sobre os valores da convivencia, unha maneira de vivir que, de momento, non é posible no seu país. Hoxe por hoxe, a súa causa é difícil, heroica e perigosa. Escoitándoos, non obstante, un non tiña ningunha dúbida de que un día serán os vencedores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de decembro de 1997.