La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Con frecuencia, nun dos cafés aos que vou, atópome cunha señora gorda e mal vestida que se dedica a xogar nunha desas máquinas que tanto atractivo teñen para moita xente. Eu confeso que só caín nesa tentación unha vez na miña vida. Ocorreume nun barco inglés, nunha travesía entre Inglaterra e Dinamarca, e non recordo que fose demasiado divertido, a pesar de que gañei unha cantidade que non debía de ser pequena, polo menos se un xulga polo estrondo escandaloso que fixeron as moedas ao caer.

Nese preciso instante, cando eu sentía unha vergonza infinita, pois todo o mundo se puxo a mirar para min, apareceron montóns de nenos de cada recuncho do barco e, ri que te ri, botáronse á caixa da máquina disputando uns cos outros ata que non me deixaron o valor triste dun céntimo. Despois, eles fartáronse de comer xeados.

Agora ben, o feito de que un non comparta a devoción esa polas máquinas, non quere dicir que no a comprenda. A min pásame coas axendas. Cando chega esta época do ano, acaparo todas cantas podo, incluso as que me chegan coa propaganda máis pobre. Os primeiros días levo catro ou cinco nos petos da chaqueta, ata que o sentido común me obriga a prescindir de todas excepto dunha. Sempre pasa o mesmo: todas as paixóns, absolutamente todas, incluso as máis inocentes, acaban naufragando no mar da realidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de decembro de 1996.