La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O mércores pola noite tiña que dar unha conferencia en Xinzo de Limia, a vila onde me criei. Saín de Ourense co tempo algo apretado, pero suficiente, sen prever que podía producirse algún percance, como así sucedeu: paroume a Garda Civil de tráfico con toda razón e alá se foron vinte minutos, co cal cheguei á cita con bastante retraso. A miña sorpresa foi atoparme cunha sala abarrotada de amigos, agardando pacientemente, sen saber a que cousa se debía aquela situación tan rara. Un detalle máis que hai que agradecer.

Desde a mesa, mentres me dirixía ao público asistente, ía descubrindo pouco a pouco rostros coñecidos: antigos profesores, compañeiros de escola, amigos dos meus pais, parentes,un par de curas… máis que unha conferencia, aquilo parecía unha charla intranscendente e distendida. A verdade é que o pasei moi ben.

Moitas veces teño falado aquí de xentes curiosas da miña vila. A algúns recordeinos en voz alta: o Chino Japonés, o Mangante, o Sarillo… Conteilles aos asistentes que con frecuencia me preguntan, fóra de Xinzo, se será posible que haxa tantos tolos naquel lugar, e botáronse a rir. Eles saben que a culpa é dun rapaz que viviu alí durante uns anos preciosos e que un día marchou coa memoria chea de historias para contar. O mércores sentín que esa memoria foi un regalo dos meus veciños. Por iso lles quixen dar as grazas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de decembro de 1995.