La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antonte pola tarde, cando me chamou o ministro de Cultura para dicirme que o Consello de Ministros acababa de concedernos a Medalla de Ouro das Belas Artes á editorial Galaxia, máis que alegría, sentín nostalxia. Acordeime de Ramón Piñeiro, que non puido gozar deste recoñecemento a tantos anos, cincuenta, de dificultades e de ilusións. Pero tamén me acordei de Francisco Fernández del Riego e de Xaime Isla, que aí están para contalo. E de moita máis xente, pois esa empresa magna foi posible grazas a un número non pequeno de persoas, desde os empregados, ata os subscritores, os autores e os simples lectores.

Cando eu me fixen cargo da editorial, aló polo ano 1984, Ramón Piñeiro cobraba cinco mil pesetas ao mes. Ás veces, se había dificultades, Xaime Isla tiraba do seu talonario persoal e resolvía a papeleta a fondo perdido, sen que ninguén o soubese.  Otero Pedrayo cedeu os dereitos da súa Guía de Galicia para que se publicasen máis libros. Etcétera.

Nestes cincuenta anos, editáronse arredor de 1.500 títulos, dos que son autores homes e mulleres de todas as colores políticas. E todo iso, sen afán de lucro, reinvestindo en funcionamento e novas publicacións todos os beneficios, absolutamente todos, ademais de manter aberta ao público, sen pedir nada a cambio, a Biblioteca Penzol. Mal podían pensar aqueles mozos de pouco máis de trinta anos que en 1950 puxeron en marcha aquel proxecto aparentemente utópico e imposible, que duraría medio século e que aínda non se lle ve o final. Agora concédenlles unha medalla de ouro, que vén ser algo así como unha redundancia, pois ouro era xa o que eles levaban nos seus corazóns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1999.