La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

¿Poderíase imaxinar que alguén, en vida de Franco, se atrevese a chamarlle cabrón diante da súa cara? Naturalmente que non. Nin o propio Franco, vítima dun ataque de loucura e enfurecido contra si mesmo, sería capaz dun disparate semellante. E non obstante… Hai un non obstante. Sucedeu en Marín, no ano 1942, pouco despois de que se instalase naquela cidade a Escola Naval, traída do sur. Estaban presentes tres almirantes, Nieto Antúnez, Moreno e Bastarreche. E un civil, Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Na tertulia, Franco queixouse con amargura de que como consecuencia do traslado da escola, en Cádiz corrían chistes de mal gusto, un dos cales aludía aos catro cabróns galegos que fixeran posible aquela desgraza que tanto prexudicaba a Andalucía. Por suposto, el ignoraba quen eran as persoas sobre as que recaía aquel groso improperio, pero quería sabelo, por iso lles preguntou aos reunidos.

O almirante Pedro Nieto Antúnez, amigo de Franco, tomou a palabra para dicir que tres dos cabróns do chiste eran os almirantes presentes, responsables do traslado da escola. O xeneral quixo saber quen era o cuarto e Nieto preguntoulle pola súa parte se non o imaxinaba. Franco respondeu que non tiña nin idea. “¡Pero si es de El Ferrol!”, replicou o outro. O caudillo seguía sen decatarse. “¡Pero si está clarísimo!”, insistía don Pedro. Ao final tivo que dicirllo: “Pues el cuarto es el sastre Rafael y Valiente, que hará los uniformes”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de decembro de 1992.