La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como teño contado moitas veces aquí mesmo, unha grande parte da miña infancia paseina na aldea, sempre nos veráns, durante as vacacións. Nesas épocas, facía o mesmo que os demais rapaces: ía con eles ao monte, sobre todo cos que tiñan que levar as vacas a pacer, axudábaos nos labores de campo, como apañar patacas ou recoller herba ou tornar a auga para o rego dos prados. Para min todo aquilo era unha diversión. Ás veces tamén roubabamos froita nas hortas dos veciños, especialmente cereixas.

Con todo, de todas as actividades que podía facer naquel paraíso onde aínda non sabía en que consistían os pecados de verdade, as que máis me gustaban eran andar a cabalo dos burros ou guiar os carros de bois. Estes últimos, ademais, na miña terra adoitaban ser uns exemplares fermosos de planta nobre, moi poderosos.

Acordeime deles o outro día en Madrid, por culpa dun taxista que me quixo facer unha trampa. Non se trataba de ningún engano importante pero si feo desde o punto de vista profesional. Por iso lle pedín un recibo, que me negou de malos modos. Como tampouco quería eu armar un escándalo, decidín marchar dicíndolle que o seu comportamento resultaba indigno. El despediume cunha frase na que se autoacusaba de coller un cliente máis afeito a andar en carro de bois que a circular en taxi. Nunca saberá que tiña algo de razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de decembro de 1997.