La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Dinamarca teño escoitado moitas veces unha historia fermosa que serviu para que os daneses me fosen sempre especialmente simpáticos. Algúns amigos contáronme que, durante a ocupación alemá, a xente levaba cosida na roupa a estrela de David, en solidaridade cos xudeus perseguidos polos nazis. Desa maneira, os invasores non conseguían distinguir as súas vítimas, disimuladas e protexidas con ese xesto fraternal e valente. De poucas cousas se senten tan orgullosos os habitantes daquel país.

O que sucede é que iso non foi certo. Acaba de dicilo a raíña Margrethe nunha entrevista que lin onte pola tarde nunha revista sueca. Segundo as súas palabras, con frecuencia a verdade é menos atractiva que os mitos. Pois a min dáme pena que sexa así, aínda que os daneses non deixarán de parecerme simpáticos.

Para empezar, son republicanos, pero séntense orgullosos da súa raíña. Non é para menos: traduciu ao dinamarqués a obra de Simone de Beauvoir, ilustrou varios libros de Tolkien, fixo exposicións da súa propia pintura e realiza uns bordados artísticos que todo o mundo está de acordo en que son magníficos. Por suposto, outras cousas semellan menos admirables. Por exemplo, que un lacaio ande detrás dela cun cinseiro de prata na man cada vez que a señora acende un cigarro. Todos temos algunha manía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de decembro de 1996.