La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño unha amiga alemá, que naceu e viviu no Leste, coa que levo falado moitísimas horas sobre como transcorría a vida diaria do outro lado do muro. Foi ela quen me explicou a loucura do plátano, unha especie de obsesión que afectaba aos cidadáns daquela parte do país, para os cales, conseguir ese froito, dificilísimo de atopar incluso no mercado clandestino, era como achegarse ao benestar soñado que sospeitaban existía na metade occidental.

Tenme contado a miña amiga como transcorría a festa do plátano na súa casa, o día que o pai conseguía un para cada membro da familia. Sentábase na mesa e para que a alegría durase máis, impúñase a prohibición de morder: había que chupar. Aínda así, os pequenos non podían evitar unha dentada de vez en cando.

Eu mesmo vin en Berlín do Leste, cando o muro xa caera, cantidades desmesuradas de plátanos nos mercados, como a onda final dun furacán a punto de entrar en calma. Agora leo nos periódicos que se acaba de organizar a festa do mítico froito. Ignoro outros detalles, a non ser que a celebración inclúe aspectos eróticos e políticos. Gustaríame que se engadisen tamén os poéticos, é dicir, a inocencia daqueles homes e mulleres que coidaban que a riqueza consistía en comer plátanos. Seguro que xa non pensan así.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1994.