La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín a José Luis López-Aranguren hai moitos anos, cando eu era estudante e el era un home xa famoso, pouco despois de que o expulsasen da cátedra que rexentaba na universidade de Madrid. Foi na casa que Domingo García-Sabell tiña na Rosaleda, en Santiago, unha tarde de inverno clara e soleada dun xa lonxano mes de marzo. Como os seus inimigos lle chamaban “Amarguren” e dado que as fotografías que tiña visto del se correspondían bastante ben coa nomeada, quedei moi  sorprendido de que fose exactamente o contrario, un ser doce. Despois compartimos xuntos unha aventura que el ten contado en público moitas veces: fomos detidos pola policía e postos a disposición do Tribunal de Orden Público.Non esquecerei nunca a tristeza que me causou ver a Aranguren na comisaría, cos dedos enzoufados de tinta, entre a xente que facía o carné de identidade, onde nos trataron como delincuentes: vergoña para eles.

Daquela eu era un rapaz novo e el tiña algúns anos máis que os que teño eu agora. Desde entón, o tempo pasou con tal rapidez que a miña mocidade non é máis que unha imaxe neboenta desdebuxada entre as brumas do pasado e aquel home maduro que eu coñecín no medio da súa vida é un velliño de máis de oitenta anos. Acaba de publicar un libro sobre a idade na que está agora. Di que non se sente un ser decrépito, senón alguén que simplemente ten que substituír a alterada memoria da cabeza polos recordos vivos do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de decembro de 1992.