La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sempre que estiven en Xenebra, nunca deixei de pasar pola célebre tenda de Zino Davidoff, o paraíso dos fumadores de puros. Nunha ocasión, cando parecía que os árabes acabarían comprando o mundo cos dólares extraídos do petróleo, soprendín alí a un xeque grande, bigotudo e gordo, sen dúbida tamén regulamentista e quisquilloso, irritado polas vaguidades dun empregado que non conseguía condensar nas normas concretas que lle demandaba, o ritual máis ortodoxo na cerimonia de acender un habano.

Naturalmente, tal regulamento non existe e cada un acende os puros como quere, sen máis leis que as da experiencia persoal e sen máis limitacións que o propio gusto. O importante é que se trate dun bo exemplar, non destragado pola sequidade, e que se goce en boa compañía, sobre todo nunha longa sobremesa.

Hai uns días, en Ourense, oínlle contar a un amigo os apuros que pasou nunha ocasión, cando o alcalde da súa vila natal o invitou a fumar un puro e lle botou unha bronca por non saber acendelo. Un ano despois, repetiuse a historia. Desta vez, para evitar o ridículo, o meu amigo decidiu imitar o rexedor, que puxo o puro sobre unha copa e lle prendeu lume lentamente. A bronca foi aínda peor: o alcalde procedía dese xeito porque era manco. É dicir, que sempre, en calquera situación, a naturalidade é mellor que o artificio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de decembro de 1993.