La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, xusto diante dos xardíns do Padre Feixoo, no centro de Ourense, un señor parou a miña nai para saudala. Eu debía ter oito ou nove anos e quedei sorprendido da maneira de falar daquel home, que me recordaba os actores de cine ou os personaxes das novelas. Quero dicir que se expresaba dun xeito que hoxe sei que se chama afectación, pero que daquela me parecía simplemente raro. Cando se foi o citado individuo, eu preguntei quen era e a miña nai respondeume que se trataba dun pedante.

Tardei en escoitar de novo aquela palabra, aínda que o seu significado me quedou nidiamente gravado para sempre, asociado de forma moi plástica a un tipo humano que cheguei á conclusión de que non me gustaba. Nunca pensei, en cambio, que o tal vocábulo puidese ter un sentido que descubrín onte lendo a Nabokov.

Como é sabido, o escritor ruso tivo que deixar o seu país cando era rapaz, ao pouco de empezar a revolución, pois pertencía a unha familia aristocrática e liberal. Recordando aqueles momentos, escribiu que o axuda de cámara do seu pai, un tal Osip, o fusilarían depois os “pedantes” bolxeviques por apropiarse das bicicletas da casa en vez de entregalas á nación. Dificilmente se pode atopar unha palabra máis precisa para describir con exactitude en que clase de mesquindades se pode basear ás veces o rigor moral.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de decembro de 1995.