La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei por que rara coincidencia, ultimamente houbo moita xente que me falou do chourizo. Todo empezou hai uns días, durante un xantar de amigos, cando alguén eloxiou con  entusiasmo unha modalidade que eu non coñecía: os chourizos con castañas. Como consecuencia diso, cada un amosou despois as súas preferencias respecto dese popular produto porcino: asado á brasa e comido con pan, cocido con patacas ou fritido. Pola miña parte, confesei e confeso a miña debilidade polos que na Limia chaman os chourizos do verán, que son de carne, ben afumados e duros, ideais para acompañar cun cacho de pan e un bo viño.

Onte mesmo, un amigo meu de Madrid, que ten casa de vacacións aquí perto, no val de Tebra, contoume a historia dun individuo que fixo as milicias universitarias con el e que, cando recibía chourizos da familia, botaba unha manta pola cabeza para comer ás agachadas, sen ser visto, simulando que facía inhalacións de loureiro ou algún remedio polo estilo.

Hai anos, con motivo dunha cea con cocido que fixemos na Cañiza, un dos comensais estaba  tan feliz que dixo, supoño que de broma, que sería capaz de matar a quen lle quitase o chourizo que aínda lle quedaba no prato. Xa citei aquí outra vez o dato certo de que o pintor Solana, que herdara unha fortuna en América, acabou arruinado porque gastou todo en comer chourizo; incluso o levaba nos petos da chaqueta para darlle de cando en vez unha dentada. Vese que o chourizo é unha cousa moi importante. Ignoro se é tamén bocado de xente boa, pero non creo que lles guste aos terroristas. É demasiado vital para xente tan triste.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de decembro de 1999.