La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler a historia interna do banquete que recentemente lle deu o alcalde de Nova York a cento cincuenta dirixentes políticos mundiais e, polo que respecta á cociña, a cousa resultou tan complicada que mesmo parece imposible que se chegase a resolver. Á hora de  confeccionar o menú, non se pode servir carne de vaca por culpa dos hindús; musulmáns e xudeus non comen marisco; o alcohol tamén o teñen prohibido varios deles; veñen logo os vexetarianos e mesmo os enfermos con dieta especial.

Despois de moitas discusións e consultas entre expertos, a elección estaba entre o polo e o año, con triunfo final deste último. Polo que respecta aos postres, parece que houbo unanimidade no xeado, a non ser que entre os ilustres comensais se sentase algún diabético, que se sentaba. Neste caso, xeado sen azucre.

Outra cuestión que cumpría resolver era a de que, segundo o protocolo, todos os dirixentes mundiais debían ser servidos ao mesmo tempo, sen preferencias. Tampouco esta esixencia formal lles rompeu a cabeza aos organizadores: contrataron cento cincuenta camareiros, un por barba. Comparados cos problemas relacionados co menú, estas miudezas carecían de importancia, tendo en conta ademais que incluso un comensal confesou sentir noxo polo año. Co fácil que sería que a xente comese de todo…

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de decembro de 1995.