La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na madrugada do 16 ao 17 de xullo de 1918, un timbre espertou o tsar Nicolás II, a súa muller e os seus cinco fillos, entre eles o herdeiro, que só tiña trece anos. Case inmediatamente, os revolucionarios responsables da custodia da familia imperial conducíronos con enganos ao soto da casa que ocupaban en calidade de prisioneiros. Púxeronos contra a parede e  liquidáronos a tiros. As fillas, catro mociñas entre os vinte e tres anos e os dezasete, tardaron en morrer. Rematáronas no chan a golpes de baioneta.

Desde que lin nunha revista americana a crítica do libro de E. Radzinski sobre este episodio espantoso, tiña ganas de lelo. Onte rematei as cincocentas páxinas desta obra excelente, xa traducida ao español. A detallada reconstrución do crime aclara definitivamente un dos capítulos máis negros da historia contemporánea.

O máis repugnante, os asasinos, que durante anos se pelexaron polo triste honor de seren considerados os verdadeiros executores do tsar. Todos eles viviron daquel acto, que celebraban de cando en vez en reunións nas que discutían os detalles do suceso. Nas encrucilladas dramáticas da historia sempre hai tipos malvados que se apuntan a matar. Houbo non obstante dous homes que se negaron a disparar contra as rapaciñas. Son os únicos nomes que non se saben de todos cantos participaron no masacre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1993.