La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando o xeneral Mengistu Haile Mariam tomou o poder en Etiopía e derrocou ao monarca, elixiu para este unha morte que un non imaxinaría nunca que puidese corresponder a alguén que se titulaba Rei de Reis e León da Tribo de Xudá: afogouno cunha almofada. Era o aviso de que a revolución que viña non ía mellorar a situación anterior, a pesar de que daquela se chegara a toda clase de excesos, incluídos os delirios da corte, onde había ministros que levaban o título de Limpadores de Zapatos do Emperador.

Consumado o crime naquel velliño de máis de oitenta anos, aínda co seu corpo diminuto deitado na cama, o novo amo do país empezou por onde empezan todos os da súa condición: matando a esgalla. Dun golpe, liquidou a máis de cincuenta altos funcionarios. Os que sobreviviron non puideron evitar o potro da tortura.

Para estes mesteres máis podres sempre aparecen voluntarios, dotados dunha capacidade case infinita para facer sufrir aos demais, naturalmente co pretexto de salvar a Humanidade, pois debe ser moi duro aceptar que un elixe causar o mal simplemente porque é un canalla. Foi o caso dun mozo de pouco máis de vinte anos, Melaku Tefera, xefe desa parte oculta da miseria. Estano xulgando agora. Unha velliña, vítima del, recorreu a pé moitos quilómetros para verlle de novo a cara. Non pagaba a pena.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de novembro de 1995.