La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Neste mes no que andamos tiven que ir a Madrid varias veces para participar en mesas redondas e conferencias. Con ese motivo estiven con moita xente e participei en reunións e tertulias con amigos e coñecidos. O tema máis recorrente e repetido nas conversas foi ese vídeo cochino do que fala todo o mundo. Da mesma maneira que existe o prurito de dicir que non se ven os programas bobos da televisión, observei que a moda consiste agora en presumir de non ter visto o famoso vídeo. É unha forma de elegancia moral.

Tamén me decatei de que está de moda empezar os comentarios sobre ese asunto cunha declaración contundente de principios, feita ademais coas mesmas palabras: práctica repugnante, métodos repulsivos e outras similares. Nese caso, o resto da conversa pode adiviñarse sen esforzo. Repítese inexorablemente.

Case sempre que alguén empeza facendo unha afirmación rotunda, pódese aventurar que logo vén a rebaixa: si, pero. Esa maneira de proceder describiuna moi ben, hai moitos anos, un deputado provincial en Ourense. Cando un membro da corporación citou no favor da súa argumentación un artigo dunha lei que non deixaba ningunha dúbida, pola súa rotundidade, respecto do que afirmaba, o citado deputado díxolle: “Siga lendo, a ver se no segundo parágrafo hai un ‘non obstante’”. Por suposto que o había.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de novembro de 1997.