La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo ben onde lin o que vou contar, aínda que teño idea de que foi nun libro de Gisele Halimi sobre as torturas contra os nacionalistas arxelinos na época de De Gaulle. Contábase alí a historia ocorrida nun campo de concentración nazi, cando os xefes organizaron unha carreira cun grupo de prisioneiros, que debían reptar polo chan como se fosen cobras. Cando rematou a competición, fusilaron no acto o gañador. Inmediatamente despois, cos que quedaron, fixeron unha segunda volta. Loxicamente, ninguén quería gañar. Entón, fusilaron o último. Na terceira ronda, todo o mundo se pelexaba por non quedar nin adiante nin atrás. Non haberá que engadir que, daquela vez, os elixidos para seren fusilados foron escollidos entre os do montón.

A isto poderíase chamar a lóxica do terror. Tivo a súa versión doméstica en Galicia, durante os anos da guerra civil. Moita xente, no momento en que empezaron a verse os primeiros mortos tirados nas cunetas, tratou de tranquilizarse a si mesma recorrendo á lóxica da razón: “A min non me pode pasar nada porque nunca me dediquei á política e tampouco me metín con ninguén”. Falso. A lóxica do terror ten as súas propias leis, que son como son.

Se a min me dixesen hai pouco que Ernest Lluch sufriría un atentado, respondería que se trataba dun absurdo. Era un home de diálogo, comedido, intelixente, con sentido do humor, nada airado, sen cargos políticos. E sen embargo, alguén decidiu inapelablementeque non tiña dereito a seguir neste mundo. ¿Por que? Pois porque si. Ou porque chegou de primeiro, ou porque chegou de último, ou no medio. Tanto ten. Non hai que buscarlle unha explicación racional. De feito, Lluch podía seguir vivindo a estas horas, falando pola radio, deleitando os amigos coa súa sorna e o seu sentido común. Bastaba con que a persoa que deu o seu nome o autorizase a seguir vivindo. ¿Por que? Pois porque lle petase. Pola mesma razón que o matou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de novembro de 2000.