La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando tiña doce anos, un rapaz americano que se chama Dan Kopka e que agora cumpriu xa os vinte e catro, un día entrou no cuarto de baño da casa dos seus pais, en Minneapolis, pechou a porta, abriu a billa a todo gas, tirouse no chan e fixo un buraco pequeno nunha tetiña. Sorprendeuse de que non lle doese. Tiña lido nalgún sitio, quizais nun periódico ou nunha revista, que os romanos facían o mesmo e que logo colgaban un aro. El colgouno tamén. Contento co resultado, seguiu facendo buracos.

Agora ten dezasete, todos cos seus correspondentes aneis. Empezou polo sitio indicado, baixou logo ata o embigo, seguiu aínda máis abaixo por lugares que non digo e por fin decidiu subir para a parte que queda por riba do pescozo, incluída a punta de lingua. Como é lóxico, acabou montando un negocio en Nova York.

Ao principio, a clientela estaba formada por rapaciños novos, sen moitos cartos, que querían levar un pendente nunha orella, quizais mesmo no nariz os máis atrevidos. Un día, a cousa cambiou de rumbo: bastou con que un periodista se fixase nun tipo que levaba un aro na boca e que falaba un pouco zarabeto. Entrevistouno. A Dan Kopka ocorréuselle unha idea feliz, dicir que en tempos caóticos, o propio corpo é o único que un controla. Desde entón cambiaron os clientes. Estase facendo millonario.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de novembro de 1993.